02/12/16

Intencións (por Yaiza Otero) 

.ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
...Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
do pailebote branco
....................Cas súas mans loiras
....................acenan mil adeuses as estrelas

...Inventaremos frustradas descobertas
...a barlovento dos horizontes
...pra acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados

...Halaremos polo chicote
dun meridián innumerado
...Na illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso da cidade
.........Ela noitámbula desfollará
.........como unha margarida prostibularia
.........a Rosa dos Ventos do noso corazón

...Encadearemos adeuses de escuma
pra tódalas praias perdidas
...Xuntaremos cadernos en branco
da novela errante do vento
...Pescaremos na rede dos atlas
ronseles de Simbad

...E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.

        Este texto é un poema pertencente á obra De catro a catro (1928) de Manuel Antonio. Este foi un escritor rianxeiro moi avanzado e innovador para a súa época. Foi o poeta máis iconoclasta da literatura galega. Creador rebelde, radical e individualista, supón a completa modernización da nosa literatura. Nacionalista radical, monolingüe en galego. Inconformista, abrazou as Irmandades da Fala pero non se consideraba parte delas. En prosa escribe Máis Alá!, Un poeta da nosa terra, Fatiguémonos e Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu. En poesía evolucionou dun inicio experimental pero debedor da tradición cara ao canon rupturista das vangardas. Aínda que a última obra (Viladomar) suporá unha regresión á tradición. Escribiu Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis dispois, De catro a catro e Viladomar. De catro a catro foi o único poemario publicado en vida. Con rasgos vangardistas (do futurismo, creacionismo e individualidade e orixinalidade). O subtítulo é “Follas sen data dun diario abordo”. Son 19 poemas escritos nunha viaxe de Manuel Antonio nun paquebote.
Foi escrito no primeiro terzo do século XX. Nesta etapa nacen as Irmandades da Fala, a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Transfórmase o panorama literario galego e búscase unha universalización da cultura galega. Hai importantes achegas da cultura europea por parte de Vicente Risco e foméntase o enxebrismo. Publícanse varias revistas: A Nosa Terra (voceiro das Irmandades da Fala), Nós (voceiro da Xeración Nós) e varias publicacións vangardistas como Alfar, Ronsel, Yunque e Resol, Cristal e Papel de cor e Galiza. Tres grupos de mozos introducen as vangardas nas súas creacións e publicacións: os Novecentistas (nacidos arredor de 1900), a Xeración do 25 (formados arredor de 1925) e a Xeración das Vangardas ou do 22 (en 1922, Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro publican o Manifesto Máis Alá). Existe un debate entre a existencia ou non dunha verdadeira vangarda galega máis alá de Manuel Antonio. Isto débese a que a principios do século XX aínda se estaba consolidando o Rexurdimento e non se podía romper cos alicerces da nosa cultura. Precisábase o vencello coa tradición para reivindicala. Créanse así dúas tendencias: a vangarda matizada ou enxebre e a vangarda plena, da que forma parte Manuel Antonio.
Este texto está escrito en verso, é o primeiro poema da obra De catro a catro, pertence ó xénero da poesía. Non ten rima, ritmo ou lóxica gramatical. Ten unha disposición tipográfica irregular, sen seguir unha orde.
A primeira, até o sétimo verso, parece que expresa a emoción pola viaxe, “encherémolas velas ca luz náufraga da madrugada”, pero anuncia o fracaso. O fracaso do viaxe pola vida, a eterna despedida das cousas, “cas súas mans loiras acenan mil adeuses as estrelas”.
A segunda parte, dende o verso oitavo até o vintecinco, expresa o fracaso, a inexistencia, “na illa anónima de cada singladura”, a  monotonía. A vida é unha eterna despedida, deixamos a vida continuamente despedíndonos de todo, “encadearemos adeuses de escuma”. Despois do viaxe no pailebote (a viaxe pola vida) non haberá nada para contar, non sucederá nada, “xuntaremos cadernos en branco”.
A terceira parte expresa a frustración, o intento de atopar unha ilusión para aferrarse a ela, “para trincar a escota dunha ilusión”.
Presenta multitude de trazos vangardistas. Do futurismo: a actitude de rebeldía e a terminoloxía técnica (puntos cardinaes, randeeria, barlovento, etc). Do creacionismo: a ausencia de emoción, o antisentimentalismo, “como unha margarida prostibularia a Rosa dos Ventos do noso corazón” (a margarita, que tradicionalmente se desfolla como símbolo do amor e do romanticismo agora prostitúese) e a anulación de espazo e do tempo (non hai un espazo concreto, nin un momento, un día, un ano…).
O individualismo é outro trazo vangardista deste poema, cando fala de “nós” non fala de varias persoas, fala del mesmo nun desdobramento de personalidade, non dos mariñeiros que o acompañan no viaxe pois non os menciona no poema, está el só co mar, co pailebote.
Este poema utiliza multitude de símbolos, nel a viaxe marítima é en verdade a viaxe interior, a viaxe pola vida e os elementos naturais refliten o estado de ánimo do eu poético ante o inexorable paso do tempo. Ese eu poético está representado polo pailebote, que viaxa na noite, chea de valores negativos (“ela noitámbula desfollará”). Fronte á noite, apresenza do vento indica dinamismo, pero aquí atopámonos cun vento errante, na metáfora inusual: “xuntaremos cadernos en branco da novela errante do vento” , é dicir que non haberá nada para contar, porque  “encadearemos adeuses de escuma para tódalas praias perdidas”. Non esquezamos que para o eu lírico a vida é unha eterna despedida).
A estrutura de De catro a catro é circular: saída, navegación, paradas e regreso a terra. Este poema correspondería á saída. Pero esas Intencións que deberían estar inzadas de ilusións, anuncian, mesmo antes de partir, o fracaso. En definitiva, este poema trata unha viaxe existencialista. O fracaso dunha viaxe pola vida que é unha eterna despedida. Unha monotonía continua, sen ilusións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario