15/12/16

Os cóbados n-o barandal (Por Tania Pose)


   Atopamos esta madrugarada
n-a gayola d'o Mar
unha illa perdida

   Armaremos de novo a gayola
Vai a sair o Sol
improvisado e dosourentado

   Xa temos tantas estrelas
e tantas luas sumisas
que non caben n-o barco nin n-a noite

   Xuntaremos paxaros sin xeografía
pra xogar c'as distanzas
d'as suas áas amplexadoras

   E os adeuses d'as nubes
mudos e irremediabes

   E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
c'o seu viaxe feito
pol-os oucéanos d'o noso corazón.

            Este é unha poema pertencente á obra “De catro a catro” (1928), un diario de a bordo vangardista escrito por Manuel Antonio.
            Danse en Europa a comezos do século XX unha serie de correntes estéticas que se denominan ismos (futurismo, cubismo, dadaísmo, surrealismo, creacionismo, ultraísmo,…), que se coñecen a partir dos manifestos que de xeito provocador pedían a ruptura con calquera forma estética anterior, así como tamén a deshumanización da arte, e proclamaban a liberdade e modernidade do autor á hora de crear a súa obra, evitando calquera norma ou regra fixada.
En Galiza facía ben pouco que se descubrira a existencia da nosa lírica medieval, concretamente en 1928, polo que romper coa tradición supoñía darlle as costas a unha etapa fundamental da literatura galega, que fora esquecida, polo que aquí desenvolveuse a chamada vangarda matizada (hilozoísmo e neotrobadorismo, que dalgunha maneira respectan a tradición medieval pero con trazos vangardistas) e a vangarda plena, na que destaca Manuel Antonio co creacionismo, que rexeita a imitación da realidade e procura a creación poética dunha realidade autónoma, fuxindo do sentimentalismo, a musicalidade e a rima, usando como recurso case exclusivo a imaxe vangardista.
Este rianxeiro foi a figura máis innovadora e avanzada das vangardas e un dos poetas máis iconoclastas da literatura galega, quen simboliza a completa modernización desta. En política representa o nacionalismo galego máis radical da época e, respecto á lingua, defende o monolingüismo en galego levándoo á práctica na súa obra. Foi tamén o inconformista por excelencia.
O único libro que escribiu en vida, “De catro a catro”, inicia a vangarda plena polo seu carácter innovador, audaz e rupturista, na forma e no contido (innovadora disposición tipográfica, ausencia de ritmo e rima, inexistencia de lóxica gramatical, metáforas inusuais, ausencia de coordenadas espazo-temporais,…). Está constituído por dezanove poemas escritos nunha das súas viaxes polo mar no paquebote Constantino Candeira e conta cunha estrutura circular (saída, navegación, recalada, regreso), chea de símbolos que fan que a viaxe se converta tamén nun periplo interior.
            Este poema nace a partir da contemplación do poeta do que hai máis alá das varandas do paquebote, elementos que reflicten a súa soidade e que se repiten cada día, o que supón que todo sexa sempre igual, aparecendo así a agonía existencial. Está escrito en presente, porque non existe nada máis que ese momento, e en futuro, porque todo o que pode vir xa está previsto, xa que todos os días son o mesmo día, cun suxeito en primeira persoa do plural. Dáse unha personificación do mar e do sol (aparece a primeira letra en maiúsculas), xa que son elementos que sempre se repiten no día a día do eu lírico. O barco é un símbolo dese eu poético, que está atrapado nunha gaiola (o mar), nunha illa perdida, isto é, na inmensidade do océano, na nada. Levan moito tempo a bordo, polo que xa viron moitas estrelas e lúas, tantas que “xa non caben nin no barco nin na noite”, en consecuencia o eu poético xa está canso de velas, da viaxe, da vida. Dá igual a onde se dirixan (“xuntaremos paxaros sen xeografía”), que sempre van a facer o mesmo e sempre se vai producir unha eterna despedida de todo (“adeuses das nubes mudos e irremediables”), o que provoca a deshumanización da viaxe. Ó moverse do sitio (“armaremos unha rede de ronseis”) recobrarán a nostalxia que levan dentro, nos “océanos dos seus corazóns”.


            É, pois, un poema da vangarda plena, non só polas características formais que xa foron ditas na descrición da obra, senón tamén pola temática en absoluto tradicional, pois o mar que xorde deste poema e do conxunto da obra manuelantoniana é un mar novo, un mar nunca antes visto, nunca antes creado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario